Monday 06 de May de 2024

Ethel Vázquez anuncia que as obras da senda peonil e ciclista entre a urbanización Monte da Devesa e a aldea de Buio comezarán no verán


As obras, orzamentadas en 330.000 euros, sairán a licitación o próximo mércores e completarán o proxecto de unir Santiago, Ames e Brión por senda peonil e ciclista

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, desprazouse esta mañá ata Brión para presentar o proxecto de construción da senda peonil e ciclista na estrada AC-543, que unirá a urbanización Monte da Devesa e aldea Buio (Brión), concretamente do punto quilométrico 10+160 ao 10+870. Un acto no que estivo acompañada polo concelleiro de Obras de Brión, José Luís Sampedro Bouzas, quen desculpou a ausencia do alcalde brionés, e os concelleiros do grupo municipal popular, José David García Arcos e Saturnino Abete Redondo.

Ethel Vázquez explicou que esta actuación que se vai facer entre as aldeas de Gundín e Buio “favorecerá a mobilidade sostible e a accesibilidade dos veciños e veciñas de Brión”. Neste sentido, sinalou que se trata dunha “actuación duns 700 metros, de 1,8 metros de ancho e separados da calzada cunha zona axardinada”. Así mesmo anunciou que o proxecto será licitado este próximo mércores, polo que “as nosas previsións son que as obras poidan comezar este verán”.

Pola súa banda, José Luís Sampedro agradeceu a iniciativa da Xunta de Galicia coa realización desta senda peonil e aproveitou para trasladarlle á conselleira a necesidade de realizar unha actuación semellante para mellorar a seguridade viaria na AC-300 Os Ánxeles- A Picaraña, ao seu paso pola localidade de Pérros. “Trátase dun tramo máis pequeno pero no que se produce un estreitamento que supón un perigo na seguridade viaria tanto de peóns coma de condutores desta estrada de titularidade autonómica”, explicou Sampedro Bouzas. Ethel Vázquez comprometeuse a estudar a situación.

Senda peonil Santiago-Ames-Brión

Ethel Vázquez aproveitou tamén para salientar que esta senda peonil de Brión “verase complementada coas sendas peonís entre Vidán e Laraño, que se rematará nesta primavera, e entre Laraño e Aldea Nova, o que nos permitirá ter un itinerario peonil que unirá Bertamiráns e Brión con Santiago de Compostela”. Neste sentido, a conselleira destacou que a Xunta porá en marcha máis de 15 quilómetros de sendas sostibles na comarca de Santiago.

Na primeira fase do Plan de Sendas, identificáronse 55 que sumaban 75,6 quilómetros e contan cun investimento de 26,3 millóns de euros. Despois da súa finalización comezouse coa redacción de proxectos de construción nos que se definen as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios. Para executar estas actuacións, a Xunta de Galicia contactou cos concellos beneficiados, para lograr que as solucións fosen consensuadas.

Así, dos 55 itinerarios identificados saíron 48 proxectos construtivos, posto que en algúns casos foi aconsellable agrupar varias sendas nun só proxecto, así mesmo, durante a actuación aprovéitase para incluír melloras puntuais da estrada para incrementar a seguridade viaria de todos os usuarios.